martes, mayo 27, 2008

Festival de Cans 2008, fotos e vídeo

Hoxe presentámovos as poucas fotos e o único vídeo que o incidente do Apolo XIII nos deu tempo a facer nesta edición do Festival de Cans. Podedes ver tódalas fotos na sección Fotografías Valdolouro. De todas formas podedes ver toda a información do Festival na súa web oficial, que ademáis este ano estrearon blog, canal en youtube e páxina en myspace.

Actuación dos Cuchufellos
Chimpibús

Pepe Puime e o seu chimpibús

As dúas cousas máis coñecidas de Cans nunha soa foto


Actuación dos Cuchufellos

domingo, mayo 25, 2008

O Apolo XIII estrélase en Cans

Despois de asistir as 5 edicións do Festival de Cans e cando xa pensara que vira de todo e que nada me iba sorprender, este ano tocoume ser partícipe involuntario dunha actividade fora de programa "o aterraxe na leira", porque un chimpibus, xa bautizado polos pasaxeiros como Apolo XIII, quixo ser un protagonista máis desta edición e regalounos unha mágnifica viaxe, só de ida, polas leiras de Cans, volcado incluido. Afortunadamente non tivo máis consecuencias que unhas pequenas feridas e mazaduras varias e un bo susto para os viaxeiros e o piloto. Os supervivintes quedamos xa de vernos o vindeiro ano en Cans para lembrar semellante epopeia.
O único falecido en tan triste suceso foi a miña cámara "Suxi", que me acompañou estes últimos anos e que instantes antes de perde-la vida aínda tivo agallas de sacar a súa derradeira foto.

Segundos antes da aterraxe na leira da esquerda

Derradeira foto tomada por Suxi, décimas antes da aterraxe

Estado no que quedo o Apolo XIII despois da súa aterraxe
(foto de móvil)

O Apolo XIII é axudado pola xente a sair da leira
(foto de móvil)

jueves, mayo 22, 2008

O Centro Dramático Galego estrea en Tui "Estigma"

O Centro Dramático Galego inicia en Tui a xira do seu último espectáculo desta temporada “Estigma”. Será mañá venres ás 21h para o público en xeral.
“Estigma” é froito dun compromiso do CDG coa escrita galega cunha autoría residente, na que se están a realizar obradoiros de escrita dirixidos por Cándido Pazó. É unha aposta polas novas xeracións, dicía, dándolles oportunidades. Este espectáculo é froito do compromiso de escrita de Drama A3 integrado por Jacobo Paz, Vanesa Soutelo e Javier Ruibal, este último Premio Nacional de Literatura dramática en 2007. Igualmente apostouse por un elenco de actores novos que traballaron arredor do suspense.
En “Estigma” a acción transcorre nunha illa onde os personaxes están solos, e onde a soidade, as relacións, a violencia... se mesturan dando coma resultado unha obra divertida, doada de levar e con suspense o que resulta atractivo sobre todo para o público máis novo. Igualmente destacou a importancia do espazo sonoro e das proxeccións audiovisuais.
Xabier Deive, actor de “Estigma”, explica que a obra que “ten unha linguaxe agresiva, moita forza en escena en a que pasan cousas constantemente”. Explicaba ao tempo que funciona moi ben con público novo, engadindo que “o importante da peza son os climas que se xeran dentro, as esperas, as relacións entre os personaxes” polo que dicía “cada espectador pode sacar as súas conclusións”.
Clara Gayo, que forma tamén parte do reparto desta montaxe, explicou que este espectáculo brindou “a oportunidade de atoparse autores, directores e actores novos, con novas formas de traballar”. Ao tempo salientaba que na obra “é o tratamento das personaxes femininas onde se pode ver un exemplo de coma comezan a variar os roles da presenza feminina”.
“Estigma” está dirixida por Dani Salgado, e forman o elenco Anabel Gago, Clara Gayo, Xosé Manuel Esperante, Xabier Deive e Vicente de Souza. A representación para público en xeral terá lugar este venres, 23 de maio, ás 21h, no Teatro Municipal de Tui. As entradas poranse á venda ás 16.30h ao prezo de 5€, 4€ con desconto, e 3€ para os menores de 12 anos.

domingo, mayo 18, 2008

Colas para o Festival de Cans

Este venres puxéronse a venda as entradas para a 5ª edición do Festival de Cans. Como xa é costume houbo colas para poder consegui-las dúas entradas que só se podían mercar por persoa. Supoño que a esta hora xa estarán todas máis que vendidas e iso que este ano, por terceira vez, voltouse a ampliar a capacidade das salas, así que a afluencia de público está garantida. So falla que o Windgurú tamén nos acompañe.

viernes, mayo 16, 2008

XI Feira do Libro Galego en Tui

O Paseo da Corredoira, lugar onde naceu Xosé María Álvarez Blázquez, escritor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, acolle este sábado 17 de Maio a XI Feira do Libro Galego organizada pola Concellería de Cultura de Tui coa colaboración das librarías Byblos, Iris e Valverde.
A inauguración terá lugar á 12 do mediodía a cargo da escritora e profesora Marga do Val. Ate ás 10 da noite haberá 24 postos de exposición e venda de libros galegos a cargo das librarías colaboradoras, no que terán presenza destacada os escritos por Xosé María Álvarez Blázquez. Haberá tamén un posto da Biblioteca Municipal informando sobre este servizo e outra da Radio Municipal que emitirá en directo pola mañá dende a Feira.
A longo do día desenvolverase un amplo programa de actividades de animación que comezarán pola mañá, trala inauguración cun recital de poesía de poemas de Álvarez Blázquez a cargo da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño e outros escritores e poetas, e logo coa actuación do grupo folclórico “Xuntanza” de Randufe.
Pola tarde a actividade retomarase ás 16h con “O Contador”, trátase dun cubo de tres metros de lado, instalado en espazos públicos, Tui é unha das trinta localidades galegas onde esta presente, no que se elabora un conto colectivo. Partindo dun comezo provisto polo propio Contador, cada participante narra unha parte da historia coa única referencia do fragmento de relato inmediatamente anterior, o que pode dar lugar a derivacións máis ricas e divertidas. Co Contador, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende promover o uso da lingua galega nos lugares públicos, fomentar a creatividade e asociar o idioma propio do país ao uso das novas tecnoloxías, ademais de aproveitar a riqueza oral do idioma e o talento dos galegos e das galegas como contadores de historias. As historias estarán logo dispoñibles na web www.galegoelogo.com
A partir das 17h realizaranse visitas guiada ao Roteiro Xosé María Álvarez Blázquez que parte da casa natal na Corredoira para percorrer distintos lugares vinculados ao escritor homenaxeado este ano.
De 18 a 20h Troula Animación fará xogos populares cos máis pequenos en seis carpas cada unha delas dirixidas por un monitor e dedicada a un xogo como xogatira, carreira de sacos, xogos con paracaídas, diábolo, e zanco, e cun monitor responsable. Ás 18h actuará o grupo folclórico “O Mosteiro de Pexegueiro” e ás 20h haberá contos tradicionais con “Codia e Miolo”.

martes, mayo 06, 2008

Festa Trezecatorzeadora

A Asociación Trezecartoze, de recente fundación, formada por xovenes de Salceda e arredores organiza a festa Trezecatorzeadora, para darse a coñecer a tódala xente da bisbarra. Será este sábado día 10 de maio, no torreiro de festas de Santa María de Salceda, a partires das 16:30 horas. ¡Qué la fuerza del Windgurú os acompañe!

sábado, mayo 03, 2008

Marcha BTT do Faro de Budiño

Mañán domingo a partires das 9:30 da mañán terá lugar polos montes de Budiño (O Porriño) a VII de BTT. Para inscribirse haberá que estar polo menos media hora antes no recinto da Forna. Máis información na web da A.A.C.C. A Forna ou chamando ao teléfono 626 118 119

viernes, mayo 02, 2008

XII Feira de Artesanía en Tui

A Cidade de Tui vai celebrar na fin de semana, o sábado 3 e o domingo 4, a XII Feira de Artesanía, una aposta consolidada pola promoción da artesanía galega nas súas diferentes facianas. A rúa Ordóñez, que estará debidamente decorada, será o lugar onde se desenvolva esta cita na que estarán presentes 36 postos de artesáns dos máis diversos sectores da madeira ao coiro pasando pola cerámica ou os instrumentos musicais. A moitos deles poderáselles ver traballar en directo os distintos materiais para conformar estas pezas de arte. A inauguración da feira terá lugar o sábado ás 12 do mediodía. Os postos permanecerán abertos tanto sábado coma domingo de 12 a 22h.De forma paralela a Concellería de Cultura programou unha serie de actividades. O sábado trala inauguración actuará o grupo folclórico “Inquedanzas” de Pazos de Reis, e pola tarde, de 17h a 20h haberá obradoiros para nenos con “Troula Animación”, actuando outro grupo folclórico ás 18h. O domingo ás 12h do mediodía actuará o grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns e ás 18h o grupo “Seixos Albos” de Areas. Por último ás 19h poderase disfrutar do espectáculo de rúa “Unha de piratas”. A Feira de Artesanía conta coa colaboración da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que levarán a cabo durante a fin de semana unha palillada na propia rúa Ordóñez.

Nova rota do Pincho coincidindo coa Feira de Artesanía
Por outra parte a Concellería de Comercio e a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui volven colaborar esta fin de semana na organización dunha nova Rota do Pincho, tralo éxito acadado na primeira fin de semana de abril. Participan doce establecementos comerciais. Trátase de La Jamoneta na Avda. de Portugal, O Alboio na rúa Augusto Glez Besada, Don Sancho na rúa Colón, Santa Columba na rúa Foxo- Rosa Bahamonde, Café Bar Metro e Cafetería Monalisa na rúa Irmáns Maristas, Happy Pizza na rúa Ordóñez, Cafá Bar Scala na rúa Rosa Bahamonde, Viñoteca de García na rúa Seixas, La Gran Manzana no Paseo da Corredoira, o Novo Cabalo Furado na Praza do Concello e o Restaurante Val Remesal no Remesal.

Carpa do Mercado Solidario
Igualmente durante este fin de semana está na Praza da Inmaculada a carpa do Mercado Solidario do Centro San Xerome, a Asociación de Discapacitados Vontade e a Asociación Avelaíña con pezas feitas polos usuarios destes tres colectivos.